luns, 27 de maio de 2013

LETRAS GALEGAS 2013. ROBERTO VIDAL BOLAÑO.

A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro " Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863 e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.

O escritor homenaxeado este ano é Roberto Vidal Bolaño. Naceu en Santiago de Compostela no ano 1950. Estudou  primaria e bacharelato en Santiago e con doce anos comezou a traballar como repartidor de recambios de coche, emprego ao que seguiron outros, nunha axencia de viaxes, nunha entidade bancaria,... ata que, con vinte e sete anos, comezou a traballar profesionalmente no teatro. Fundou a primeira compañía de teatro  en galego, o Grupo Antroido, na que fixo un pouco de todo: empresario, director,actor, autor,...

Ao longo da súa traxectoria artística escribiu preto de trinta obras teatrais, algunhas adicadas ao público infantil. Tamén realizou guións para as televisións galega e española, levando á pantalla relatos de escritores galegos como Fole ou Blanco Amor. Participou como actor en longametraxes e series televisivas e foi actor de dobraxe en máis de cincuenta películas. 
Recibiu numerosos premios pola súa obra teatral: Premio Abrente, Premio Cunqueiro, Rafael Dieste, Eixo Atlántico, Tirso de Molina...
No ano 1991 creou e dirixiu a compañía Teatro do Aquí, coa que seguiu representando as súas propias obras.
Roberto Vidal faleceu en Santiago de Compostela na madrugada do once de setembro de 2002.



Ningún comentario:

Publicar un comentario